Está en: Plantamos >
A imaxe do Carvalho que podes ver na nosa web simboliza o crecemento lento e seguro que favorece unha construción robusta: canto maiores sexan os corpora para o tradutor, maior será a imaxe. Paralelamente, esta imaxe non só mide o aumento dos corpora do tradutor automático, senón que tamén serve para marcar as accións de reforestación que levamos a cabo en diversas fincas, comezando no concello de Forcarei. As árbores que se plantan son sempre autóctonas, maioritariamente o carballo, e respectando o ecosistema de cada espazo escollido. Xa sabes, canto máis medre Carvalho máis árbores autóctonas plantaremos!
O carballo é unha das máis coñecidas árbores autóctonas do país. É tamén un elemento fundamental para comprender a nosa terra, debido aos múltiplos valores que representa: históricos, sociais, ecolóxicos, económicos, paisaxísticos e culturais . Non debemos esquecer que o seu froito, a landra, mesmo chegou a ser sustento fundamental para os pobos que habitaron Galiza séculos atrás, que as carballeiras sempre foron lugar de encontro social (festas, feiras etc.) ou que se asocian con outras especies autóctonas (outras árbores, arbustos e plantas de sotobosque, animais etc.).